martes, 8 de noviembre de 2011

As dúas patrias dos galegos e das galegas de Venezuela.

Editorial: As dúas patrias dos galegos e das galegas de Venezuela.
A bi-inter-culturalidade.


A Comunidade Galega da Venezuela, como todas as comunidades galegas das Américas, ten dúas Patrias, hai quen non entende esto, ala eles, pero é así. Venezuela é a nosa patria, o país no que vivimos a maior parte da nosa vida, ou cando menos a etapa máis “produtiva”, na que fixemos a nosa familia, na que naceron e criamos os nosos fillos e fillas, na que medran os nosos netos e netas; pero Galiza tamén é a nosa patria, a do noso orixe, a que garda os osos dos nosos pais, dos nosos antepasados, a que nos da a identidade, e á que non estamos dispostos a renunciar.
Tamén teñen dúas patrias os nosos descendentes que naceron nesta Terra de Graza, que asumen a identidade dos seus pais, dos seus avós, os que incorporan á riqueza da su cultura venezuelana a riqueza da cultura galega dos seus devanceiros.

Somos unha comunidade bi-inter-cultural.

E por ese motivo, porque non renunciamos a ningunha das dúas, porque as queremos por igual, porque somos produto de ámbalas dúas, é que o mes de Xullo ten un significado tan importante para nós.

O día 5 de Xullo é o día da Independencia da Venezuela, e o 25 de Xullo é o Día da Patria Galega, pero non rematan aí as coincidencias, pois as dúas figuras máis representativas de ámbalas dúas patrias, tamén teñen neste mes datas significativas, o día 15 é o cabodano de Rosalía e o 24 é o natalicio do Libertador Simón Bolívar, que como ben puxera en evidencia o noso inesquecíbel Pepe Sesto, tiña parte das súas orixes na nosa Terra, en concreto, no Pazo de Penaredonda, en Elviña, A Coruña. Non rematan aquí as coincidencias de datas significativas de Venezuela e Galiza nun mesmo mes do ano, pero das outras falaremos cando toque, xa que ámbalas dúas datas son tráxicas e marcaron o destino das nosas dúas Patrias.

Os vínculos entre Venezuela e Galiza son obvios, e máis obvios aínda, se é posíbel, nesta querida cidade na que vivimos, Santiago de León de Caracas, berce do Libertador desta nosa Patria venezuelana, e que tamén celebra o seu día o 25 de Xullo, en conmemoración daquel outro de 1567, en que esta cidade foi fundada por un galego da Galiza irredenta, Diego de Losada, que por algo ten o mesmo nome, Santiago, que o da capital da Galiza, e no seu escudo porta os símbolos xacobeos, a espada e a vieira.

Para rematar queremos facervos chegar a todas as galegas e a todos os galegos, por nacemento ou ascendencia, os nosos parabéns nesta data que como escribira na emigración o noso Castelao:

“é a festa maior da Galiza, a festa de todas as galegas e galegos…”

En Santiago de León de Caracas a 25 de xullo de 2011
Día da Patria Galega


Publicado no boletín Xente Galega do Día da Patria de 2011

No hay comentarios:

Publicar un comentario